Dende que existe o ser humano sobre a terra este realizou desprazamentos dun lugar a outro, xa sexa con carácter definitivo ou transitorio. Na Prehistoria, o ser humano movíase, sobre todo, segundo as necesidades alimentarias: caza, recollida de froitos, etc. Outras veces facíao presionado por grupos humanos máis fortes. A primeira das causas é marcadamente económica e a segunda de evidente matiz político, aínda que derivada da anterior.
Ó longo da historia da humanidade houbo múltiples causas " próximas " ( guerras, persecucións relixiosas ou políticas, fuxidas das levas militares, pestes, etc. ) que deron lugar ás migracións humanas, pero detrás de todas elas subxaceu sempre o factor económico. En consecuencia, podemos definir á emigración como o movemento de persoas que van dun lugar a outro co fin de mellorar as súas condicións de vida.
Dende o punto de vista humano, a emigración é un xeito máis de escravitude. O emigrante é escravo da súa propia miseria económica, que o bota polo mundo, e segue a súa escravitude polas condicións derivadas polas condicións derivadas da emigración ( viaxe, traballo, compromisos económicos que deixa na terra, etc. ) A emigración foi e é a negación do dereito máis sagrado que ten o ser humano : o dereito á vida na súa terra natal.
Á hora de falar da emigración, tal como entendemos hoxe en día, hai que sinalar un feito histórico moi significativo, xa que marcou o " punto de partida " da chamada emigración moderna, tal é o caso da Revolución Industrial, que provocou un cambio radical nos conceptos tradicionais da economía e un desenvolvemento espectacular do capital que modificaron as estructuras socio-económicas de Europa.
No caso que nos interesa, Galicia, como parte integrante do Estado español e por conseguinte de Europa, sufrirá as consecuencias que se deriven do comportamento da economía española e subsidiariamente da europea. En base a todo esto, podemos plantexarnos as seguintes preguntas: ¿ Cal é a situación económica de Galicia ? ¿ Como é a estructura social galega desta época ?. A resposta á primeira pregunta diranos que Galicia é un país eminentemente agrícola, cun sistema de cultivo arcaico, moi tradicional e supeditado á excesiva división da terra, circunstancias que dificultarán calquera tipo de modernización das técnicas e métodos de cultivo; a segunda, moi relacionada coa primeira, indícanos que a poboación galega é maioritariamente rural, polo tanto, moi dependente do sistema agrario.
Estas dúas constantes están fortemente condicionadas pola existencia dos foros que gravan a producción e son un lastre para a evolución agraria. A xente, aínda que vén traballando a terra dende hai varias xeracións, non é a propietaria real da mesma, soamente o é nunha reducida porcentaxe. Trátase, pois, dunha economía de mera subsistencia que non pode satisfacer as necesidades dunha poboación en aumento. Con este panorama, e a fin de ter unha sinxela aproximación ó tema, convén coñecer os seguintes aspectos: causas, características, fases e consecuencias que marcaron este feito histórico O desequilibrio entre o incremento da poboación e a falta de solucións económicas adecuadas para satisfacer as necesidades básicas impulsaron o fenómeno migratorio. Así temos que a terra mal repartida, a evidente falta de traballo ou empregos con garantía, o declive da pesca, o desinterese das clases posuidoras da terra por introducir novos sistemas de cultivo e a desastrosa política agraria dos gobernos da época encargaranse de "apadriñar" a emigración.
Galicia era por entón unha comunidade pobre que, aínda sendo pobre, había zonas do Estado máis pobres ca nós e, sen embargo, deron índices de emigración por debaixo dos galegos. os galegos emigraron forzados pola situación económica e por que non se conformaban con seguir sempre o mesmo; querían mellorar e sobráballes vontade para facelo.
Galicia é case sinónimo de emigración, porque de Galicia, por emigrar, emigraron: traballadores, intelectuais, enerxía eléctrica e capitais. O galego emigraba baixo dous signos: un, que o empurraba fóra da súa terra na procura de mellor situación económica e outro que o facía voltar. Así temos que, sendo o país que dá maior porcentaxe de emigración, tamén somos, curiosamente, o que maior índice de retornados temos por número de emigrantes.
No fenómeno migratorio pode establecerse unha correlación: pais e muller ficaban en Galicia, fillos e home na emigración. Esta constante quizais sexa o factor máis importante que favoreceu tan elevado número de retornados, amén do apego que os galegos temos á nosa terra. Emigraron maioritariamente homes, cun elevado índice de xuventude ( a taxa de masculinidade representou o 70% do total da emigración ). A muller galega incorpórase periodicamente á emigración, facéndoo dunha forma activa a partir da década dos 50. Os emigrantes dirixíanse fundamentalmente a América Latina, sendo Arxentina o país que máis xente recibiu ó longo da historia. Xeralmente concentrábanse nas grandes áreas urbanas: Bos Aires, Montevideo, S.Paulo, Río, Bahía, A Habana,... Adicábanse preferencialmente ó sector servicios, comercio e profesións liberais, recibindo o sector agrario unha porcentaxe moi baixa, salvo no caso de Brasil, onde as explotacións agrarias, forestais (caucho) e minerais ocuparon un considerable número de emigrantes.
A emigración a América, segundo o concepto moderno, iniciouse xa ven entrado o século XIX, a pesar de que ó longo dos séculos XVI, XVII e XVIII xa tiveran saído da Galicia continxentes máis ou menos importantes de xente con destino ás colonias da ultramar, aínda que neste período non recibían a denominación de emigrantes. Eran cargos da administración, integrantes dos exércitos, colonos, aventureiros, prófugos da xustiza, misioneiros, etc. O goberno español, que viña ignorando sistematicamente o problema da emigración e poñéndolle trabas legais, non ten máis remedio que recoñecela oficialmente en 1853, xa que se ve impotente para solucionar a precaria situación socioeconómica do Estado. Pasará, entón, de impedila a favorecela como vía de solución, dando lugar así ó inicio dunha emigración a regueiros cara as recén independizadas repúblicas latinoamericanas, aínda que será Cuba, que por aquelas datas é colonia española, quen reciba maior número de emigrantes durante o século XIX e primeiros anos do XX. Arxentina e Brasil seguiranlle, por esta orde, na recepción dos mesmos.
Posteriormente será Arxentina quen se coloque á cabeza como país receptor, posto que só cederá entre 1915 e 1920 a favor de Cuba e máis tarde, a partir de 1953, a favor de Venezuela, quen o manterá ata a finalización do proceso migratorio na década de 1970. Arxentina acadará esta supremacía en base a unha política tendente a poboar grandes territorios case desérticos, e para logralo emprendeu unha campaña divulgadora das " cualidades " do país, así como unha forte propaganda nos lugares de orixe dos emigrantes. Outros países americanos que tamén se significaron por ter recibido importantes continxentes de emigrantes son: Uruguai, Porto Rico, México, Estados Unidos e República Dominicana. Segundo o lugar de Galicia de onde proceden, os emigrantes dirixíanse maioritariamente a un determinado país e dentro deste a determinadas zonas ou cidades, influenciados pola presencia máis ou menos importante de veciños ou achegados anteriormente asentados alí. A modo de exemplo diremos que os veciños do concello de Pontevedra emigraron nun principio a Cuba e posteriormente a Arxentina e a Uruguai. Venezuela tamén tivo unha importante colonia.
Todo o anteriormente exposto lévanos a determinar qué consecuencias tivo para Galicia a emigración. Facer unha exposición pormenorizada sería tarefa moi difícil, pero si podemos realizar unha aproximación ós aspectos máis xerais facendo un resume polarizado en dous aspectos: a cara e a cruz.
A Cara
- Contribuiu dun xeito fundamental á redención dos foros.
- Melloráronse as economías de moitas familias, pois entraron importantes remesas de cartos que favoreceron a adquisición de terreos e a implantación de negocios.
- Fixo posible o cambio e a introducción de novas formas de cultivo.
- Melloráronse as infraestructuras viarias de Galica, sobre todo as portuarias, sendo os portos da Coruña e Vigo os máis beneficiados.
- Favoreceu o crecemento da banca coa instalación de corresponsalías en moitas vilas.
- Foi factor determinante no movemento agrarista galego. Moitos dos seus líderes estiveron na emigración ou as súas campañas eran sustentadas con fondos aportados polos emigrantes.
- No seo das sociedades galegas en América mantívose viva a chama do galeguismo, cando aquí non era posible a súa manifestación pública.
- Impulsaron a cultura e o ensino en Galicia coa construcción de escolas, creación de asociacións culturais, publicación de periódicos,etc.
- Favoreceu, en xeral, un cambio de mentalidade na xente.
A cruz
- Propiciou a perda das persoas máis cualificadas para o traballo.
- Deu lugar a un descenso da poboación, non só polos que marcharon, senón polos fillos que deixaron de nacer.
- Socialmente foi unha lacra que deu lugar á separación de pais e fillos, matrimonios, etc. Así, escoitáronse frases como "fillos sen pai", "terra sen homes" ou "viúvas de vivos".
A xeito de resume final pódese dicir que a emigración só fixo ricos a uns poucos. A grande maioría conformouse con "facer uns cartiños" que lle serviron para solucionar os problemas primordiais e un número considerable nunca voltou e, se o fixo, foi fracasado.
Sen embargo é de salientar que os galegos, ó longo da súa estadía na diáspora, mantiveron viva a lembranza da súa terra, a súa cultura e as súas tradicións, así como a arela do regreso. Fe disto dánolo a enorme cantidade de centros, asociacións, fundacións,etc. que os nosos paisanos fundaron ó longo da xeografía americana. Só na cidade de Bos Aires, onde residían máis de 600.000 galegos aló polo 1930 había arredor de trescentos centros ou sociedades galegas. As mostras máis xenuinas deles foron os prestixiosos Centros Galegos de A Habana e de Bos aires, fundados ámbolos dous no século XIX.
No hay comentarios:
Publicar un comentario